A catedral de Santiago é un inmenso dispositivo de memoria. Historias incribles que deixaron trazas moi difíciles de ver, pero que están aí. Vouche contar unha que te vai facer ir a Praterías a comprobalo por ti mesmo. 👇
Lembrarás, por exemplo, a historia dos capiteis da capela do Salvador, e a tensión entre o bispo Diego Peláez e Afonso VI (que acabou como o rosario da aurora).
Un dos feitos máis emblemáticos da Idade Media galega foi a coroación de Afonso Raimúndez como rei por parte da nobreza galega e o arcebispo Diego Xelmírez na catedral. Foi o 17 de setembro de 1111.
Era un neno de seis anos. E simbolizaba todas as aspiracións do reino.
Xelmírez levou o neno á tumba de Santiago, unxiuno como rei, deulle a espada, o cetro, e coroouno cunha diadema de ouro. E logo fíxoo sentar na sede pontifical.
O arcebispo copiaba o ritual de investidura do emperador que vira en Roma.
Esta xente apuntaba sempre moi alto.
Logo levaron ao neno ao seu palacio e pegáronse unha paparota criminal a base de "viño e sidra" e "o día pasou entre himnos e cánticos de xúbilo". Nada que non coñezamos, non?
Seica esta é a primeira descrición dunha investidura real na Península Ibérica.
Pero como de calquera festa, non quedou nada. As festas, as risas, os cánticos, os rituais simbólicos, todo lévao o vento, non?
Todo?
Xelmírez era ben consciente do que estaba a facer.
E igual que encargou facer a mellor crónica histórica do seu tempo na península e unha das máis relevantes en Europa, tamén quixo deixar constancia para sempre desta coroación.
En Praterías. Nesta magnífica fachada.
Nesa fachada figura unha fermosa representación de Santiago. Está entre cipreses, porque é o momento máis importante da súa vida: a Transfiguración de Cristo. O apóstolo estaba presente no monte Tabor cando Cristo se enche da gloria divina.
Mirade á dereita.
Velaí tedes escrito "ANF(US) REX". Xelmírez ligaba o destino do rei á vontade do Apóstolo Santiago, ou sexa, a el mesmo. O gran momento de gloria do reino de Galicia.
Segundo o profesor Castiñeiras, a inscrición labrouse en 1111, coa investidura. E aí segue, contándonolo a nós.
Por certo, o resto das inscricións. No nimbo (rodea a cabeza) cóntanos quen é:" IACOBUS CEBEDEI", Xacobe o Zebedeo. No libro: "PAX VOBIS", A paz sexa convosco. E na esquerda: "HIC IN MONTE IHESV MIRATUR GLORIFICATV", Aquí no monte contempla a Xesús glorificado.
Share this Scrolly Tale with your friends.
A Scrolly Tale is a new way to read Twitter threads with a more visually immersive experience.
Discover more beautiful Scrolly Tales like this.