Manuel Gago Profile picture
Director de @culturagalega, profesor na @UniversidadeUSC, escritor e comisario de exposicións. A miña última novela é Nus (Xerais, marzo de 2021).

Oct 9, 2022, 17 tweets

Vouvos contar unha curiosa historia de resiliencia toponímica. De cando a algúns bispos foráneos se lles deu por cambiar nomes de parroquias galegas que non lles soaban ben e a cousa funcionou...a medias! 👇

Foi Antón Palacio quen se deu conta de que en Galicia había un certo número de topónimos de parroquias chamadas Os Ánxeles. Non 'anxos'.
Por exemplo, Sta. María dos Ánxeles (Melide), Sta. María dos Ánxeles (Brión), San Mamede dos Ánxeles (Oroso) ou San Mamede dos Anxos (Lugo).

O punto curioso é que todas estas parroquias tiñan outra denominación na Idade Media!
-Santa María de Malos (Melide)
-Santa María de Perros (Brión)
-San Mamede de Canes (Oroso)
-San Mamede de Cucos (Lugo)

Xa vedes por onde vai a cousa, non?

O interesante é que Palacio foi capaz de atopar un patrón. Os nomes mudaban na documentación na mesma época, cambiando o topónimo 'chungo' por Ángeles.
-Sta. María de Malos (Melide) - 1573
-Santa María de Perros (Brión) - 1574
-San Mamede de Canes (Oroso) - 1579
Que pasaba aquí?

Pois pasou o Concilio de Trento e a Contrarreforma (rematou en 1563). Palacio cre que detrás deste cambio está a man do arcebispo compostelán Gaspar de Zúñiga y Avellaneda, estremeño. Castelánfalante, habíanlle parecer topónimos indignos.
Aínda que en galego... pois non o foran!

O tema está estendidísimo, a pouco que un rañe ao redor. Por exemplo, Santa María de Loimil (A Estrada). Aquí tedes un documento de 1115 no que a raíña Urraca lle doa dúas parroquias chamadas Rio Malo á catedral de Santiago. Pois ben: sabemos que son Santa María de Loimil.

Que acontecía? É a consecuencia bruta dun desencontro lingüístico. Topónimos que non tiñan connotacións negativas para os galegos si os tiñan para estes gobernantes foráneos que descoñecían o idioma ou que se sentían con forza para transformar antiquísimas denominacións.

Pero aconteceu algo sorprendente.
Porque todo poder é, por definición, limitado.
Os prelados cambiaron o nome das parroquias, si.
O que podían controlar.
Pero non foron quen de cambiar o nome dos lugares.
A xente seguiu aferrada á antiga toponimia.

En Loimil, a carón da igrexa, mantense aínda hoxe o lugar de Ríomao, a antiquísima denominación da parroquia e o desaparecido mosteiro de San Salvador.

En Oroso, en San Mamede dos Ánxeles, sobrevive a aldea de Cas, lembranza do antigo San Mamede de Canes.

En Brión, atopamos tamén o vello lugar de Perros que conserva a antiga denominación medieval de Santa María de Perros, na actual parroquia de Os Ánxeles.

E en San Mamede dos Anxos (Lugo), aínda atopamos o Vilar de Cucos, que lembra cando a xente desta parroquia levaba alas e andaba cantando polos piñeirais. 😉

Case cincocentos anos despois, a toponimia preserva a traza do delicto perpretrado desde a prepotencia e a incomprensión cultural. 1 historia abraiante que ten un bonito epílogo.
Volvemos a Loimil (A Estrada), chamada Río Malo na Idade Media. E deixémonos levar polo río abaixo.

O río Mao, aínda hoxe chamado así, abandona Loimil, cruza Oca (alí o canón é precioso) e entra na parroquia de San Martiño de Riobó. E alí atópase co regueiro de Barcia. E prodúcese a maxia. Nese punto de encontro, o río Mao pasa a se converter, literalmente, en río Bo.

Fun verificar se a parroquia de S. Martiño de Riobó tíñanos tamén algún segredo agochado na súa denominación. Pero NON. Xa era así na Idade Media! Os veciños rebautizaron o río ao pasar pola súa parroquia. E chamarlle ao loimilés río Malo polo nome de Bo creo que non foi casual.

Non quero nin pensar no que debían ser as festas desas parroquias entre Malos e Bos.

Que teñades boa noite!

Por certo, o @karloskvar escribu tamén un artigo sobre estes Cans da Contrarreforma.

pgl.gal/os-cans-da-con…

Share this Scrolly Tale with your friends.

A Scrolly Tale is a new way to read Twitter threads with a more visually immersive experience.
Discover more beautiful Scrolly Tales like this.

Keep scrolling