Beira Atlántica Profile picture
Comunidade imaxinada. Sinapses célticas 🌅 #historia, #mitos, #música, #folklore... ▶️ De Fisterra a Cinn Tìre, pasando por Penn Ar Bed ᚛ᚐᚅ ᚌᚐᚔᚂᚔᚄ᚜

Jan 17, 2021, 16 tweets

É ben sabido que a Corunha galega non é a única poboación con tan sonoro nome. Mais sabiades que nas illas Hébridas escocesas (máis en concreto na de North Uist) hai tamén unha "Corùna" (así, tal cal) que debe o seu nome directamente á nosa Corunha? Vai fío.

A historia comeza na batalla de Elvinha, conhecida no mundo anglófono como "The Battle of Coruna", que decorreu tal día coma onte (16 de xaneiro) de 1809 e na cal perdeu a vida o xeneral escocés Sir John Moore.

O sartego de Moore, de feito, álzase aínda hoxe, discreto e silencioso, nos Xardíns de San Carlos, na Corunha.

Offtopic: Rosalía de Castro, en Follas Novas, inspirouse nesta tumba para lle dedicar ao malfadado militar escocés unha das máis poderosas elexías xamais escritas en lingua galega.

Outro offtopic: o poema foi dedicado pola autora á súa amiga María Bertorini (aka Mary Margareth Jones), natural do País de Gales e bisavoa de Camilo José Cela. As voltas que dá a vidinha...

O caso é que di a tradición que unha tal Mór Chaimbeul de Skye foi a que deu o derradeiro grolo de auga a John Moore no campo de batalla, xusto antes de o xeneral ser abatido polas tropas do francés Soult.

Por se fose pouco, Mór Chaimbeul resultou gravemente ferida no combate, no decurso do cal tamén perdeu a vida o seu marido, un soldado do clan McLeod de Dunvegan (lugar, a propósito, tamén bastante vinculado á Galiza...).

Ao regresar á Escocia, a nosa protagonista, xa viúva, casou con outro veterano da contenda corunhesa, Domnhall mac Mhurchaidh, e mudouse canda el á illa de North Uist, onde o casal refixo a súa vida.

Alí, as historias bélicas de Mac Mhurchaidh pouco tardaron en tornarse populares entre a vicinhanza, que acudía ao domicilio do ex-soldado para ouvilas... Especialmente aquelas relacionadas coa batalla da Corunha.

"Imos á Corunha hoxe á noite ouvir as historias", dicía a rapazada, e foi por esa razón que o lugar de residencia do vello militar armado en contacontos acabou por conhecerse como "Corùna".

Un descendente desta familia foi Dòhmnall Ruadh Chorùna (1887-1967), un dos grandes bardos escoceses do século XX, canteiro de profesión. Velaquí o tendes ⬇️

Dòhmnall Ruadh recebe o alcume de "O Poeta das Trincheiras", xa que moitas das súas composicións inspíranse nas súas experiencias como soldado durante a Grande Guerra europea, que viveu nos campos de batalla da Franza.

De facto, un dos poemas máis emblemáticos e máis musicados da cultura escocesa é da súa autoría: "An Eala Bhán" (O cisne branco), no cal Dòhmnall Ruadh relembra a súa namorada Magaidh nic Leóid no fragor da batalla.

A propósito, Dòhmnall Ruadh conhecia ben a historia da Corúna escocesa, que, como el deixou dito, "así continuará a chamarse mentres o sol continúe a navegar cara ao oeste". Palabra de bardo! Pouca broma...

(Non queremos deixar de comentar que a ilustración de Rosalía de Castro que acompanha este fío é obra do amigo @miguelcuba ).

Se quixerdes ler máis polo miúdo outras historias coma esta, podedes visitarnos en dabeiraatlantica.blogspot.com. Convidamos a café de pota e o que houber pola casa 😀

Share this Scrolly Tale with your friends.

A Scrolly Tale is a new way to read Twitter threads with a more visually immersive experience.
Discover more beautiful Scrolly Tales like this.

Keep scrolling