Manuel Gago Profile picture
Director de @culturagalega, profesor na @UniversidadeUSC, escritor e comisario de exposicións. Barbancés Ͻ Pobra do Caramiñal.

Mar 20, 2022, 20 tweets

O 5 de xuño de 1808, os deputados das cidades galegas convocan cortes e o Reino de Galicia asume toda a soberanía en ausencia do rei.
Desde ese día o Reino vai “obrar con absoluta independencia do goberno de Madrid”.
A guera vaise librar nos campos e... nas letras. 👇

Teño nas miñas mans un documento excepcional.
Está datado o 9 de xuño, 4 días despois da sinatura da acta na que as 7 cidades recuperan a soberanía do reino.
Conserva aínda a cola coa que estivo pegado nalgures.
Unha das primeiras comunicacións públicas do Reino de Galicia.

O Reino de Galicia afirma nese documento que está sen un can. "Os nosos valerosos guerreiros marcharon sen víveres, sen diñeiro".
Pide cartos para arrincar. E dá esperanza. "Xa goberna o Reino. A súa probidade e intelixencia impedirá que se malverse o máis mínimo maravedí".

Este anuncio revélanos unha das primeiras ferramentas das que se dota un goberno cando se constitúe: o prelo e a comunicación pública.
Alguén gardou este impreso e outros para a memoria, desprendéndoos con coidado das portas e paredes nos que estiveron pegados. Non sabemos quen.

A Guerra da Independencia supón para Galicia a entrada a toda a velocidade na modernidade no ámbito da opinión pública e da conciencia, ou conciencias, políticas.
E na opinión pública nace, sobre todo, coa prensa.

A prensa en Galicia xa era ben coñecida. O primeiro xornal creárase no 1800. E chegaban con frecuencia xornais de Madrid e Lisboa e a través dos portos, franceses e ingleses.
O que cambia é que o Reino de Galicia comeza a promover os xornais como medio de propaganda.

O primeiro xornal aparece en Compostela, cidade con varias imprentas, o 1 de xuño de 1808 ao calor da efervescencia e preocupación pola ocupación francesa, autorizado pola Xunta local. É o Diario de Santiago, promovido por Manuel María Vila.

O xornal ten tanto éxito que ao editor sáelle un competidor que tenta conseguir a licenza en exclusiva, ofrecéndolle ao Reino, que lembrade que está sen un can, 80 reais diarios. En agosto o Reino acepta.
Hai unha enorme demanda de información.

Como se lían os xornais nunha sociedade moi analfabeta? Pois de maneira pública, tamén. Aí nacen en Galicia os debates.
Lembrades o filme (ambientado posteriormente) "Noticias do gran mundo"? Pois iso, un le e o resto, digamos, interactúan. Debía ser un espectáculo.

A Xunta do Reino encargou ao creador do Diario de Santiago que se instalara na Coruña para facer aparecer, xa tamén en xuño, o Diario de La Coruña, o outro gran primeiro xornal galego.
A Coruña será un 'hub' de información sobre a Guerra a nivel europeo.

Nos xornais británicos vanse citar con frecuencia o Diario de Santiago e o Diario de La Coruña como fonte para contar os sucesos de España. E The Times vai ter unha delegación na Coruña, a cargo de Henry Crabb Robinson, desde o que vai proporcionar información.

A prensa neses momentos xa é tan importante para motivar á opinión pública a favor ou en contra da guerra que cando os franceses entran en Galicia se cargaron os xornais promovidos pola Xunta do Reino e fixeron un propio, a Gazeta de La Coruña, dirixido por Manuel García Pardo.

Todas as técnicas que vemos hoxe na guerra de Ucraína xa están aí. Por exemplo, a contrapropaganda. A Igrexa galega enardecía os paisanos acusando aos franceses de anticatólicos. Pero o xornal deles desde o 1º deixa claro que Soult e Ney van a misa coma os primeiros!

Vai ser nese momento, no que a resistencia, as alarmas e as autoridades descubran unha das armas máis poderosas que tiña o país.
Un arma inesgotable e con capacidade de enardecer, motivar e convencer os paisanos para a resistencia ata o final:
A lingua galega.

En prelos clandestinos, nos púlpitos, en manuscritos, durante a Guerra de Independencia a lingua converterase nunha ferramenta de combate político. No pazo do Faramello a tradición conta que de aquí se imprimen en segredo proclamas en lingua galega.

Tanto é así que o primeiro libro en lingua galega, cousa que moita xente non sabe, é un puro manual da guerrilla destes momentos. Escríbeo o Secretario da Xunta Suprema do Reino e guerrilleiro trala entrada dos franceses, Xosé Fernández e Neira.

As Proezas de Galicia (1810) empregan unha fórmula de gran proveito no XIX galego: o diálogo entre paisanos. Explica os sucesos recentes da victoria galega sobre os franceses. E como describila?
Pois é un cruce entre Asterix e Obelix, por unha banda, e Tarantino pola outra.

As Proezas contan as memorias de resistencia dos paisanos e da guerrilla galega, practicando todas as barbaridades imaxinables aos franceses. Quéimanos vivos dentro das casas, mállanos a paus, "escabechábanos" e berrábanlles "rendibú, rendibú".

O obxectivo era facer crer ao teu bando que a victoria era posible, presentar modelos de éxito, e heroes. E así comezáronse a construír heroes como Cachamuíña, que permaneceron na memoria popular.
Outros, os heroes construídos despois polo poder, perdéronse na memoria.

E aquí remata este fío que quere chamar a atención sobre un fenómeno: a propaganda e a comunicación son armas de guerra nos conflitos da era moderna.
Na guerra TAMÉN participan todos aqueles que reciben estas mensaxes e as difunden.
Sexamos diso conscientes estes días.

Share this Scrolly Tale with your friends.

A Scrolly Tale is a new way to read Twitter threads with a more visually immersive experience.
Discover more beautiful Scrolly Tales like this.

Keep scrolling