O SAN PATRICIO GALEGO
San Patricio (Naomh Padraig), acometeu con entusiasmo a cristianización da Irlanda, sen reparar en milagres. Entre os máis célebres está o de expulsar as serpes do país, lanzándoas ao mar. Un dos episodios máis representados na iconografía irlandesa.
A lenda é antiga e xa tivo outros protagonistas (en textos altomedievais é San Columba quen aparece como artífice do milagre). A primeira mención a San Patricio erradicando as cobras aparece na Topographia Hibernica, de Giraldus Cambrensis, un texto redixido por volta de 1188.
Cómpre dicer que Giraldus se mostraba moi céptico coa lenda. Segundo el, na verdade nunca na Irlanda houbera serpes (e é certo!), algo que el, como propagandista ao servizo dos anglo-normandos, atribuía "ás proprias deficiencias da illa" (sic). Non lles pasaba unha...
Mais voltando á Galiza, nós tamén tivemos un santo que se destacou na loita contra os ofidios (símbolo ou alegoría do paganismo, sen dúbida). E ese santo non foi outro ca San Adrián, que, conforme á lenda, chegou por mar ás terras do actual Bergantiños para evanxelizar.
Di a copla popular que "San Adrián é barqueiro, que leva o remo na man...", e iso dispara a imaxinación, sen dúbida. Sexa como for, máis un santo a chegar ao noso país por mar, con todo o que iso implica. Nada de novo.
O caso é que San Adrián encontra o país asolado por unha praga de serpes. Batendo co seu caxato no chan, obrígaas a baterse en retirada e encérraas debaixo da Pedra da Serpe, en Corme, un dos monumentos máis coñecidos, fotografados e misteriosos da nosa xeografía.
O curioso é que a Pedra da Serpe está á carreiriña dun can da praia da Ermida, e fronte a este areal encontramos a illa da Estrela, onde, como o topónimo denota, existiu unha capela ou oratorio do cal se conservan algúns restos.
E non menos curioso é que, segundo documentos do s. XVI, a capela foi construída por un bispo irlandés (sic) que levou unha vida eremítica e foi soterrado na propria illa (grazas ao @ListaSuso que nos deu a coñecer a historia!).
Habería que pescudar, mais sospeitamos que ande a ecoar por aquí a memoria dos misionarios irlandeses e bretóns que se instalaron nas nosas costas. E terán sido eles os que introduciron o relato do santo vencedor de serpes, importado da súa terra natal? Quen nos dera sabelo!🤷🏼♂️
O caso é que unha serpe escapoulle viva ao noso San Adrián, mais el, dándolle alcance, pisouna co pé, ficando o réptil inmediatamente petrificado. Seica nas proximidades do santuario dedicado ao santo en Malpica pode verse, con maré vaza, a tal cobra.
Como sabedes, a igrexa do San Adrián do Mar acolle cada mes de xuño unha concorrida romaría, co selvaxe Atlántico e as Sisargas como privilexiado pano de fundo.
• • •
Missing some Tweet in this thread? You can try to
force a refresh
O vella tema das illas do Outro Mundo situadas a oeste, alén da nona onda, está na orixe dun xénero peculiar da literatura irlandesa medieval: os "imramma", relatos sobre relixiosos que navegan na procura do Paraíso e que, claro está, tiveron eco nesta nosa fisterra galega.
Son poucos os "imramma" conservadas, embora un deles acabase por se tornar un dos best sellers da literatura europea medieval: a famosísima "Nauigatio Sancti Brendani", ou Navegación de San Brandán.
Na Galiza, o relato de Trezenzonio e a súa viaxe á fabulosa Insula Magna Solistitionis desde a torre de Brigantium encaixa coma unha luva na estrutura e os temas dos "imramma" irlandeses. Dese texto falámosvos aquí: dabeiraatlantica.blogspot.com/2020/10/trezen…